Novas

En Marea reclama a Fomento a instalación urxente das pantallas anti ruido na entrada da AP-9 en Vigo, á altura de Teis

photo5875456613605813880

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, critica a demora cando en todos os informes figura este tramo como un dos maior contaminación acústica.

Iniciativa: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/212a9e84-7fd5-45cf-ae63-99f02f5ba352/PREGUNTA_PANTALLAS_ANTI_RUIDO_AP_9_TEIS.pdf

Madrid, 26 de novembro 2018.  A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para esixirlle ao Ministerio de Fomento que proceda á instalación urxente das medidas correctoras anti ruido na entrada da AP-9 en Vigo, á altura de Teis.

Lembra que os veciños e veciñas de Teis levan anos demandando medidas debido ao grande impacto acústico que causa a autoestrada ao seu paso por esta zona. De feito, figura en diversos estudos como unha das áreas de maior contaminación acústica do estado. Afecta a moitas persoas posto que estamos a falar de áreas de importante peso poboacional.

Fernández explica que o Ministerio de Fomento incluiu medidas anti ruido na Segunda Fase do Plan Nacional de Acción contra o Ruido, iniciativa que foi esperanzadora para os veciños e veciñas. “Mais, o tempo pasou e seguen igual. Os habitantes de Teis teñen que continuar a convivir co constante ruido do paso dos coches a toda velocidade. Circunstancia que interfire de xeito agresivo na calidade de vida, na saúde e na convivencia normal. Non poden continuar á espera dunhas medidas que non dan chegado”.

Non se pode agardar máis 

A deputada de En Marea sinala que o Consello de Ministros do pasado 26 de outubro aprobou o Real Decreto polo que se aproba a adenda ao Convenio entre a Administración Xeral do Estado e Autoestradas do Atlántico, concesionaria, polo que se modifican determinados termos da concesión para a construción, conservación e explotación da AP-9, en cuxa adenda contémplase adoptar medidas para “a redución do ruido sen concretar nin especificar nada”.

Desde En Marea, “consideramos que non se pode dilatar máis a ubicación de pantallas anti ruido”, e emprazamos a Fomento a  tomarse en serio este problema e a adoptar as medidas precisas para atallalo. “A que se debe o retraso na instalación de medidas anti ruido? Por qué non se efectivizaron aínda? Cando vai proceder a materializar esta demanda?”.