Fernán Vello dirixíase ao Ministerio para demandarlle actuacións urxentes nas pontes da A-6 e da N-640 que aparecían na listaxe do Sistema de Xestión de Pontes con graves deterioros e demándalle concreción
Madrid, 1 de marzo 2019. O Ministerio de Fomento ven de admitir ao deputado de En Marea por Lugo no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, “deterioros signiticativos que dadas as súas características requiren dunha inspeción especial para determinar o seu alcance e afeción á seguridade futura da estrtura” en pontes situadas na A-6 e na N-640 ao seu paso por Lugo.
Sen prazos nin concreción de actuacións
O deputado de En Marea dirixíase ao Ministerio de Fomento para pedirlle información sobre o estado de catro pontes no territorio de Lugo que están nunha listaxe no Sistema de Xestión de Pontes debido a graves problemas e deterioro. Neste sentido, Fomento indica que: “no caso dos viaductos de Silvela e Noceda situados na A-6, os deterioros son debidos a un asentamento nos estribos” e explica que o seu alcance “estánse a determinar nos estudos técnicos correspondentes” e descarta en resposta a Fernán Vello problemas de seguridade.
No que atinxe ás pontes da A-6, “son dúas estruturas situadas nunha vía de servizo”. Explica que “os pretís están deteriorados” e que están a estudar “as medidas a adoptar”.
O parlamentar de En Marea demandáballe premura ao Ministerio para rematar “co histórico e tradicional abandono que sofren as infraestruturas en Lugo” e pedía concreción de actuacións e prazos temporais. Nesta caso, hai que resaltar a falla de concreción do Ministerio que non aporta nin horizontes temporais nin actuacións a emprender. Limítase a sinalar que “as obras comezarán unha vez finalicen os estudos que se están a realizar e se determine o alcance das mesmas”.
Do mesmo xeito tampouco se compromete Fomento con partidas orzamentarias, únicamente afirma que “vaise investir no mantemento das pontes através dos contratos de conservación integral e dos programas de mantemento extraordinario, en función das disponibilidades orzamentarias”.
Fernán Vello deixa claro que este tema “vai ser obxecto de preocupación perenne de En Marea que manterá o interese e a preocupación até que o Ministerio adopte as medidas necesarias e arranxe as deficiencias destas pontes, igual que vimos demandando o mesmo durante toda a lexislatura para as estradas e para o ferrocarril”.
O parlamentar de En Marea lembra que o deterioro de moitas das infraestruturas de Lugo, como as pontes mencionadas, débense á deixación producida nos últimos anos no capítulo de mantemento.