Alexandra Fernández emprazaba ao Ministerio a levar a cabo actuacións de mellora da seguridade vial no cruce entre a antiga estrada Vigo-Madrid coa AP-9 no alto de Puxeiros debido aos riscos existentes. Nunha anterior resposta, Fomento comprometérase a analizar posíbeis solucións.
Madrid, 28 de novembro 2018. O Ministerio que preside José Antonio Ábalos ven de respostar á deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, que “non ten prevista ningunha actuación no cruce de Puxeiros” e nega os riscos dunha interseción onde se teñen producido accidentes.
Fomento atrévese incluso a defender a situación do cruce sinalando que “a configuración actual da interseción existente no enlace de Puxeiros coa antiga N-120 é de glorieta con carril segregado que permite o paso do tráfico procedente da AP-9, evitando a xeración de retencións no ramal e o conseguinte risco de accidentes no enlace”.
Alexandra Fernández lembra que “a pesar do que diga Fomento, este cruce presente elevados riscos, non ofrece garantías de seguridade. Cada vez que os conductores saen á autoestrada teñen que arriscarse na decisión a cruzar porque existen deficiencias constatábeis que se poden detectar cando se fan as manobras”.
O actual Ministerio asume a postura do anterior
Ademais, Fernández sinala que “non é algo que En Marea se inventase de novas, este problema leva anos sendo obxecto de reclamacións e de queixas debido á mala visibilidade que ten a interseción. De feito, rexístranse accidentes por moito que o Ministerio o negué”.
A deputada de En Marea insta a Fomento a cumprir os acordos acadados en sede parlamentar. De feito, hai un ano aprobouse no Congreso a instancias de En Marea unha proposición para que se efectúen actuacións no cruce partindo dun Estudo para avaliar as opcións máis axeitadas.
Alexandra Fernández destaca esta reposta negativa de Fomento, cando noutra resposta anterior, do verán, afirmara que iban analizar as posíbeis actuacións para mellorar o cruce. “Deducimos que analizou pouco, e chegou á simple conclusión de non facer nada”. Neste sentido, lamenta a postura do actual Ministerio que ao final “é coincidente coa do anterior Goberno que tiña a mesma postura posto que consideraba que o enlace estaba perfectamente sinalizado.
A deputada de En Marea critica que “o Ministerio de Ábalos non se tome en serio problemas de seguridade vial, e acabe partillando as mesmas posición defensivas do Executivo do PP. Pensabamos que ía analizar e estudar de verdade o cruce de Puxeiros como se nos dixo no verán. Mais, prefiren zanxar e negar a realidade”. Afirmou a deputada de En Marea que “non imos deixar de insistir por moitas negativas que nos dean cando observamos un problema de inseguridade vial”.