Novas

O Congreso aproba a proposta de En Marea de axilizar a cesión da vía ferroviaria en desuso Pontevedra-Arcade-Redondela-Vigo para a ruta ciclista

photo6012746746461007867

A deputada de En Marea considerou que “a pesar de estarmos en tempos de desconto da lexislatura”, é importante trasladar unha demanda unánime de colectivos ciclistas, organizacións sociais e concellos como o de Pontevedra.

PSOE e PP abstivéronse na votación.

Madrid, 20 de febrero 2019. A Comisión de Seguridade Vial aprobou esta tarde, a pesar da abstención do PSOE e do PP,  a proposición non de lei de En Marea que pide ao Goberno a axilización dos trámites para a cesión da vía ferroviaria entre Pontevedra, Arcade, Redondela e Vigo.

A pesar das súas intervencións nada negativas, nin PSOE nin PP votaron a favor da iniciativa, decantándose ambos grupos pola abstención.

Nun segundo punto da proposición, En Marea demanda que se facilite a posta a disposición da infraestrutura precisa para estender as rutas ciclistas pola costa galega, desde Tui até Ribadeo, no marco do impulso da Rede Europea EuroVelo.

Na defensa da súa iniciativa, a deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, salientou as avantaxes de ampliar espazos adicados ao ciclismo como poñen de manifesto numerosos estudos. “A bicicleta como un medio de transporte alternativo que aporta beneficios tanto na redución da contaminación, como na aposta polo medio ecolóxico, como no ámbito da saúde, a diminución do ruido e da contaminación acústica, o aforro económico e enerxético que supón”. Alexandra Fernández puxo de manifesto que téñense cuantificado económicamente os beneficios como o aforro nos custes de uso e mantemento de vehículos, o correspondente ao aforro de tempo nos desparazamentos, a realización de exercicio físico e a redución de emisións.

Hai que materializar a cesión da infraestrutura

Enfatizou que desde hai anos, a conciencia social sobre a necesidade de impulsar rutas ciclistas ou vías verdes foi in crescendo. Neste sentido aludiu á iniciativa europea Euro Velo. Centrouse nas demandas de asociación e organizacións de ciclistas de Galiza que piden máis rutas ciclistas mediante o aproveitamento de infraestruturas ou vías férreas en desuso. Así, trasladou á Cámara as demandas de A Golpe de Pedal, Pedaladas e outras asociacións sociais, así como o concello de Pontevedra e outros municipios que solicitan a cesión da vía de ferrocarril entre Pontevedra, Arcade e Soutomaior para crear a vía verde.

Mais, resaltou, “é imprescindíbel para levalo a cabo contar coa anuencia  das distintas administracións, neste daso de Adif e Fomento para facilitar a posta en disposición da infraestrutura ferroviaria en desuso. Fica pendente a cesión do ramo de vía de tren que xa non se utiliza”. Lembra que Adif sinalou en outubro pasado que faltaba o trámite para que o traxecto entre Pontevedra e Arcade puidese destinarse a senda ciclista e peoníl. Fica pendente que Fomento remita unha certificación do fin e usos ferroviarios da vía. Especulouse moito pero aínda non se materializou nada”.

Explicou Alexandra Fernández que recentemente “publicouse nos medios o anuncio de transferencia do trazado da vía férrea en breve prazo de tempo pero falta que sexa unha realidade e se superen os anuncios”. A deputada de En Marea remarcou que a “pesar de estarmos en tempos de desconto e cun Goberno en funcións, consideramos pertinente debater esta cuestión e que se aclaren as posturas desde Fomento”.