Novas

O Goberno informa a En Marea que Carlos e Serafín non terar que entrar no cárcere

maxresdefault

A modificación do Código Penal prevé unha rebaixa da condena a menos de dous anos.
En Marea segue a esixir o indulto para estes dous traballadores e califican de inxusta esta condena.

Vigo, 2 de marzo de 2018. O Goberno ven de enviar resposta á deputada de En Marea, Yolanda Díaz, en relación á solicitude de indulto dos traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, condenados a tres anos de prisión por participar nun piquete dunha folga provincial do transporte, en Pontevedra, no ano 2008.

Segundo a resposta ofrecida polo executivo, “coa modificación do Código Penal no ano 2015, posterior á condena destes dous traballadores, a nova pena mínima prevista reduciuse de 3 anos e un día de prisión, que fora a imposta, a 1 ano e 9 meses de prisión ou pena de multa de 18 a 24 meses”. A deputada de En Marea sinala que aínda que é unha boa nova, xa que ao carecer de antecendentes penais, os dous traballadores non se verían na obriga de entrar no cárcere, a condena segue a ser inxusta, toda vez que foron condenados sen que existise unha denuncia contra eles nin que se constatasen danos materiais nin personais. Por este motivo, En Marea seguirá a esixir o indulto para estes dous traballadores, nas rúas e nas institucións.

No relativo á resolución da petición de indulto, e que debera resolver o Consello de Ministros, o Goberno sinala que con arranxo ao disposto no artigo 6.1 do Real Decreto 1879/1994, de 16 de setembro, “os procedementos aos que dea lugar o exercicio do dereito de gracia deberán de ser resoltos no prazo máximo dun ano, podendo entenderse desestimadas as solicitudes cando non teña caído resolución expresa no prazo indicado”.

Download (PDF, 102KB)