Novas

O grupo de En Marea no Congreso advirte ao PSOE que os seus cinco votos son a “chave” dos orzamentos

photo5913495034412511606


Audio: https://bit.ly/2QV3oKZ

“A axenda galega do cambio presentada por En Marea está na mesa do Goberno desde hai meses. Se queren os cinco votos de En Marea, o Executivo ten que dar unha resposta”.

Santiago, 18 de xaneiro de 2019. O grupo de En Marea no Congreso, en representación da voceira na actualidade, Yolanda Díaz, e os vicevoceiros Antón Gómez-Reino e Miguel Anxo Fernán Vello, advertiron este venres ao PSOE que os seus cinco votos son a “chave” dos orzamentos e valoraron de xeito positivo que o PSdeG sexa consciente de que os orzamentos “teñen que ser mellorados”.

“Como saben enviamos cartas ás diferentes formacións galegas no Congreso e respondeunos a deputada socialista Pilar Cancela recoñecendo que son consicientes de que estes Orzamentos teñen que ser mellorados para Galicia”, afirmou a deputada. 

Díaz destacou que, con este recorte en investimentos, estes Orzamentos non poden saír así. “Entraron deste xeito, pero non poden saír así. Se non hai cambios para Galicia, non contarán co noso voto”, incidiu a deputada, que se mostrou partidaria do “diálogo e a negociación” directamente co Goberno, como xa fixo En Marea en numerosas ocasións.

A voceira de En Marea lembrou que En Marea formou parte dunha negociación que conseguiu moitas melloras históricas en materia social, que nunca tivo o Estado.

“Nunca tivemos unha suba do SMI nun 22%, nunca tivemos unha consignación orzamentaria como a deste ano en materia de dependencia e pensións. Por iso consideramos que este orzamento histórico a nivel social, ten que ser tamén galego para contar co noso apoio”.

Desde En Marea remarcamos o chamamento aos deputados/as do PsdeGa que teñen que premer o botón “con nós, ou sen nos”, para que defendamos os intereses de Galicia.

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello sinalou que o Goberno de Sánchez, máis aló do avance histórico en materia social, “semella que fixo un corta e pega dos Orzamentos de Rajoy”.

“Non podemos admitir uns investimentos continuistas. Non hai un modelo de investimentos que nos ofreza o Goberno, que pense en Galicia como país. Temos a responsabilidade de pensar no país e nas súas demandas”, afirmou.

Pola súa banda, o deputado Antón Gómez-Reino destacou que a axenda galega do cambio presentada por En Marea “está na mesa do Goberno desde hai meses” polo que o Executivo “ten que dar resposta se quere estes cinco votos”.

“Como temos dito, fixemos presidente a Sánchez sen desculpas e agora ten que cumprir con Galicia sen desculpas. Pedro Sánchez e PsdeG, queda moito para cumprir con Galicia, queda moito para conseguir os nosos cinco votos, queda moito para cumprir o contrato que temos con máis de 300.000 galegas”, incidiu o deputado.