Novas

Congreso-Parlamento Galego: proposicións para que se desmantele a vella liña de alta tensión Trives-Aparecida

lina-alta-tension-manzaneda-1

Os parlamentares de En Marea lembran o compromiso adquirido por REE de desmantelar a vella liña de transporte aéreo de enerxía eléctrica de 200kV, unha vez estivese en funcionamento a nova de 400 kV

Madrid, 28 de decembro. En Marea ven de presentar no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego, senllas proposicións non de lei para que Rede Eléctrica de España (REE) proceda canto antes a desmantelar a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica Trives-Aparecida (Ourense, Zamora), cuxo trazado pasa parcialmente por Manzaneda.

Os parlamentares na Cámara Baixa, Alexandra Fernández, Miguel Anxo Fernán Vello e Yolanda Díaz, e o deputado por Ourense no Parlamento galego, Davide Rodríguez, lembran que en setembro de 2009, REE, proxectou o transporte de enerxía eléctrica de nova xeración entre Galiza e Castela León. Naquel momento, argumentouse a necesidade de alimentar eléctricamente o futuro tren de alta velocidade Madrid-Segovia-Valladolid-Zamora-Vigo, ademáis da mellora da seguridade e calidade do subministro en Galiza e Castela León.

Razón, afirman, pola que se procedeu á instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica de 400kV, doble circuito para conectar as subestacións de Trives e Aparecida.

Compromisos incumpridos: os veciños soportan dúas liñas de alta tensión no mesmo trazado

Nas estipulacións asinadas entre o que era entón alcalde de Manzaneda, Xosé Antón Núñez, e os representantes de REE, acadáronse compromisos de respecto ambiental e a reposición dos posíbeis danos. Ademáis, deixouse claro que a nova liña de alta tensión substituiría á actual liña de 220kV de simple circuito, afirmando que esta última liña “será desmontada unha vez que teña posto en servizo a futura liña de 400kV”.
Mais o compromiso adquirido non se cumpriu, e desde hai dous anos, están en funcionamento ambas liñas, a vella e a nova.

Para as deputadas e deptuados de En Marea, “non é de recibo que os veciños e veciñas de municipios como o de Manzaneda, entre outros, teñan que soportar sobre as súas cabezas dúas liñas de alta tensión”. De aí que urxan ao Ministerio de Enerxía a cumprir “á maior brevedade posíbel o compromiso acadado no seu día, procedendo a desmantelar esta infraestrutura, e rexenerando a zona do trazado a fin de recuperar o equilibrio ambiental”.