Novas

Defensa toma nota da demanda de En Marea e “procede á reedición” dos paneis explicativos sobre Franco no Museo Militar da Coruña

photo6037375098253585223

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello pediu hai meses a revisión dos paneis explicativos á anterior Ministra do ramo, María Dolores de Cospedal, pero negáranse a reeditar os paneis con loubanzas a Franco.

Resposta: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/dfa429d9-5d0e-42ad-adca-e31534658076/RESPOSTA_MUSEO_MILITAR_A_CORUÑA.pdf

Madrid, 21 de setembro 2018.  O Ministerio de Defensa ven de respostar ao deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, que toma nota da demanda plantexada por este grupo nunha iniciativa parlamentar sobre o contido anti democrático dos paneis explicativos sobre Franco no Museo Militar de A Coruña, e “procede á súa reedición”.

De feito, Defensa indica que “revisado o panel explicativo considerado nesta pregunta parlamentaria, infórmase que se procedeu á súa reedición”.

O Ministerio de Defensa partilla con Fernán Vello que os Museos Militares deben dar unha visión obxectiva da Historia: “os paneis, cartaces e inscripcións explicativas teñen que dar unha visión obxectiva dos feitos e accións ás que fan referencia, non sendo admisíbel que conteñan mensaxes que ensalcen actitudes ou comportamentos contrarios aos valores e principios democráticos”.

Había unha “deformación anti democrática nas explicacións filo franquistas”

O deputado de En Marea xa solicitara á anterior Ministra do ramo, María Dolores de Cospedal, unha revisión das explicacións que se ofrecen no Museo Militar de A Coruña en relación ao golpe de estado do 36 e sobre Franco, alertando de que os paneis contiñan loubanzas e ensalzaban a figura do ditador. A resposta do anterior Executivo limitábase a xustificar os textos e só falaba dunha revisión lingüística.

Miguel Anxo Fernán Vello explicaba á actual Ministra de Defensa que é preciso democratizar os Museus Militares, e en concreto o da Coruña, porque expón cadros e un busto do ditador Franco con loubanzas á súa figura, “inadmisíbeis en tempos democráticos”.

“Son unha mostra de adoutrinamento con consideracións históricas totalmente subxectivas e anti democráticas. Hai descripcións eloxiosas de Franco, filo franquistas e que dan unha visión deformada do golpe de estado á República”, sinala Fernán Vello.

Neste sentido, hai que lembrar algunhas das citas sobre o busto de Franco feito por Asorey: “militar de grande prestixio..:”, ou: “No contexto dos plantexamentos autoritaristas e o puxante militarismo en boga na Europa dos anos 30, propiciou un levantamento militar contra a República. Convertido en Xefe de Estado e Xeneralísimo dos Exércitos gobernou España …”.

Para o deputado de En Marea “non é de recibo que en tempos democráticos, institucións do estado, exhiban paneis con este tipo de contidos”. Razón pola que voltou dirixirse ao Ministerio de Defensa, perante a negativa anterior, para que se levase a cabo unha revisión do que se explica.