Novas

En Marea defende no Congreso “botar a un Goberno sentenciado por corrupción” e pide a Sánchez mudar as políticas lesivas para a cidadanía galega

eeeeee

 

O voceiro de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, defendeu o voto a favor do grupo nesta moción de censura que vai conseguir sacar da Moncloa a Rajoy, pero co “compromiso de rectificar as políticas que ata o de agora se estaban realizando en Galicia, de absoluto desleixo. Queremos un compromiso de investimento cos nosos sectores produtivos”.

“Terán os nosos votos favorables, sendo conscientes de que merecemos un futuro onde o Goberno do Estado proxecte un horizonte limpo para a democracia e poña os recursos públicos ao servizo das maiorías sociais e do ben común”.

Madrid, 31 de maio de 2018. O voceiro de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello,  defendeu este xoves o voto a favor deste grupo nesta moción de censura que vai conseguir sacar da Moncloa a Rajoy.

“O noso respaldo total á moción de censura porque entendemos que é de obrigada razón cívico-política levar a cabo un exercicio de rexeneración democrática. Non se pode soster por máis tempo un partido no Goberno que foi sentenciado por corrupción, por financiación ilegal” , insistiu o deputado. 

Fernán Vello interpelou a Sánchez no seu discurso para “abordar a situación do noso país, de Galicia” porque “o Goberno do PP ten prácticamente conxeladas as inversións do Estado en Galicia, nun estado de desleixo”, afirmou, lembrado o abandono das infraestruturas viarias ou ferroviarias, a conexión entre cidades, os trens de cercanías, etc.

“En Marea está, e queremos pensar que o señor Sánchez tamén, por revertir de xeito inmediato as políticas neoliberais dos “recortes”, no plano social, no sanitario, educativo, laboral, salarial, cultural, en materia de pensións, de vivenda, en violencia machista…; temas todos fundamentais para nós, para as esquerdas construtivas, para as esquerdas progresistas”, insistiu o deputado.

“Non existen novos proxectos para Galicia, Rajoy e o PP mostraron o seu nulo compromiso tamén cos nosos sectores produtivos galegos, xa sexa no caso do agrogandeiro, lácteo,  pesca, ou na industria naval ou conserveira. Queremos un compromiso para mudar isto, e abordar outras cuestións como o sistema de financiamento, o problema demográfico ou o grave retroceso que sofre o galego”.

Por isto mesmo, o deputado celebrou a caída dun dos Gobernos “máis corruptos de Europa” e traballaremos para que haxa “cambios reais”.

“Isto non consiste en desaloxar a un Goberno para que todo siga igual”, concluiu.