Novas

En Marea esixe ao Goberno unha solución para Alcoa que garanta o funcionamento integral das plantas de aluminio

photo5969771518445596802

En Marea

 

Madrid, 6 de febreiro de 2019. A voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, interpelou esta tarde á Ministra de Industria, Reyes Maroto, para coñecer as previsións de futuro que ten o Goberno para o futuro de Alcoa.

“A proposta do Goberno é pasar o problema á Xunta, mais a Xunta non ten competencias sobre o prezo da enerxía. Está nas súas mans, Ministra”, insistiu a deputada.

Díaz insistiu en que “calquer país defendería a produción do aluminio primario, un material moi necesario no século XXI” e precisamente Alcoa “forma parte dun sector estratéxico que cómpre protexer” polo que “non se poden abandonar aos traballadores nas rúas cando a multinacional Alcoa recibiu millóns en axudas públicas”.

“Se non interveñen dende a SEPI deixarán caer a esta empresa estratéxica”, incidiu a deputada.

A voceira de Industria tamén destacou que Alcoa non pode sobrevivir coas subastas como propón a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera: “A proposta do Goberno de reducir os bloques de produción puxo en xaque a numerosas empresas. As subastas do Goberno son peores que as do PP”, denunciou.

Ante esta situación, a deputada esixiu explicacións sobre a redución na partida dos Orzamentos para as empresas electrointensivas e sobre as preocupantes afirmacións en relación aos fondos de inversión.

“Contempla o Goberno ofertar un sistema eléctrico parecido ao que funciona en Francia, para ofertar prezos regulados á industria electrointensiva?”, preguntou a voceira de En Marea.

photo5969771518445596799