Novas

En Marea esixe a desmilitarización da Garda Civil como paso fundamental para “democratizar o corpo”

photo5424681830042413304

A deputada Yolanda Díaz mantivo unha xuntanza esta mañá cao AUGC para coñecer as eivas fundamentais do corpo en Galicia.

A Coruña, 24 de xaneiro de 2018. A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, mantivo esta mañá unha primeira xuntanza coa Asociación Unificada de Gardas Civís, en A Coruña, para coñecer as demandas do corpo e as deficiencias coas que contan as súas infraestructuras en Galicia.

Estas demandas serán agora trasladadas ao Conngreso dos Deputados, a través de diferentes iniciativas parlamentarias.

Ademais das preguntas que se formularán ao Goberno, a deputada de En Marea comprometeuse a presentar varias Proposicións non de Lei, para instar ao Executivo a unha modificación lexislativa da normativa aplicable ao corpo da Garda Civil.

Na rolda de prensa posterior a esta xuntanza, Díaz lembrou que existe unha demanda histórica relativa a desmilitarizar a Garda Civil para avanzar na democratización deste corpo de seguridade fundamental para o Estado. A deputada de En Marea tamén sinalou que se debe lexislar para que se lles deixe de aplicar o Código Penal Militar, xa que os altos cargos ao final o utilizan para amedentrar ao persoal, que deixa de esixir os seus dereitos laborais e sociais por medo a represalias.

No tocante ás eivas reais da Garda Civil en Galicia, o máis problemático é a falta de efectivos, a causa dos recortes causados pola crise. De feito, na actualidade tan só se está a cubrir a tasa de reposición, pero que non cubre a demanda real que existe. Ante isto, e como solución transitoria, a AUGC solicita unha reorganización de efectivos e postos de mando, xa que a necesidade acuciante é a de máis patrullas na rúa.
Yolanda Díaz denunciou tamén a situación na que se atopan algúns postos da Garda Civil, destacando os casos máis graves da Costa da Morte, onde se chega a incumprir a lexislación vixente. Por exemplo, o posto de Corcubión non ten acceso para persoas con discapacidade e o de Malpica tan só conta con dous habitáculos, e un baño compartido para homes e mulleres. Díaz lembrou a gravidade disto en casos, por exemplo, de violencia de xénero, xa que mentras declara a vítima, o acusado ten que permanecer no coche patrulla, e viceversa.

Outra das eivas fundamentais do Corpo da Garda Civil é que carecen dun catálogo de postos de traballo, co que nin se poden identificar as vacantes nin as necesidades reais do mesmo.

 

photo5424681830042413302