Novas

En Marea esixe no Congreso a retirada dos carteis do Juan Canalejo

photo5967490671768087269

Os deputados de En Marea denuncian, de novo, o incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte do Goberno do PP

A Coruña, 13 de xaneiro de 2018. Os deputados de En Marea, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino volveron denunciar o incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte do Goberno de Mariano Rajoy, dez anos despois da súa aprobación.

Esta vez presentan no Congreso dos Deputados varias iniciativas para esixir ao Goberno central a retirada dos carteis e sinais informativas do “Juan Canalejo”, ubicadas en vías e terreos públicos competencia do Ministerio de Fomento en A Coruña, carteis que indican o camiño ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC).

Lembran os deputados de En Marea que a modificación da denominación do hospital coruñés levouse a cabo no ano 2008 trala aprobación por parte da Xunta de Galicia do Decreto 163/2008, de 17 de xullo, en cumprimento da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución oo violencia durante a guerra civil e a dictadura.

Os deputados de En Marea denuncian que Juan Canalejo foi un dos xefes da Falanxe en Galicia máis activos nos meses previos ao Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e un dos principais organizadores durante os anos da República da estratexia terrorista contra a convivencia democrática e as liberdades cidadáns. E que o co mantemento desta cartelería permítese que se perpetúe a lembranza de quen fora un decidido partidario da violencia e o asasinato como instrumento do terror.

As deputadas de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, xa presentaron a finais do mes de decembro, acompañados polo historiador Bernardo Maíz e o Presidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, Fernando Souto Suárez, a Proposición de Lei rexistrada no Congreso que reforma a Lei 52/2007, coñecida como Lei de Memoria Histórica, co fin de cubrir o baleiro lexislativo existente nesta normativa, que tivo unha eiva de partida, que era que non declaraba a nulidade do réxime franquista, tan só declaraba a súa ilexitimidade, tal e como lembraba a deputada Yolanda Díaz.

A iniciativa de En Marea de modificación da Lei de Memoria Histórica establece que “é unha débeda histórica declarar expresamente a nulidade de pleno dereito das sentenzas e resolucións xudiciais e administrativas ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza por calquera tribunais ou órganos penais ou administrativos durante a dictadura e posibilitar a plena rehabilitación xurídica das vítimas do franquismo coa anulación das sentenzas que as condenaron inxustamente”.

Outro dos eixos fundamentais desta modificación normativa é esixir que a tarefa de localización e identificación das personas asasinadas e desaparecidas a partir do 1936 non recaia única ou principalmente sobre a cidadanía senón que, sen perxuízo da súa desexable e valiosa colaboración, é ao Estado ao que lle corresponde realizala de forma activa.
Para iso, indícase no artigo 11 que cada ano dotarase nos Orzamentos Xerais do Estado unha cantidade suficiente para garantir a correcta execución dos plans de traballo para actividades de indagación, localización e identificación das persoas desaparecidas violentamente durante a Guerra Civil ou a represión política posterior, e cuxo paradeiro se ignore.

Download (PDF, 260KB)