Novas

En Marea pide ao Goberno que se trasladen “datos reais da situación do galego” ao comité de expertos da Carta Europea das Linguas minoritarias

photo5942768857192180681

Fernán Vello critica o último Informe enviado este ano polo Goberno Rajoy ao Comité de Expertos manipulando dados e ofrecendo unha visión edulcorada da realidade. O estado español non cumpre a Carta.
Madrid, 15 de novembro 2018. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou varias iniciativas parlamentares na Cámara Baixa para pór de manifesto que o anterior Goberno do PP enviou ao Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Minoritarias un Informe de seguimento manipulado e que terxiversa a situación real da lingua galega que é de retroceso na súa utilización.
Fernán Vello sinala que o Informe presentado en xaneiro pasado provocou “a indignación das organizacións, asociación e colectivos adicados á lingua como a Mesa pola Normalización Lingüística debido á súa falla de rigor e falla de veracidade. Non resposta para nada á actual realidade lingüística de Galia, alertada tamén pola Real Academia da Lingua”.

O deputado de En Marea destaca que existe “unha intencionalidade do anterior Executivo para que a UE conclúa que estaba a facer os deberes no que atinxe ao cumprimento da Carta Europe. Manipula dados, só usou dados do IGE do ano 2013, non contrastou cos últimos informes que indican a caída na utilización da lingua galega, especialmente nos segmentos mozos da sociedade”.

Adopten medidas para normalizar o galego na Xustiza e na Administración
O deputado de En Marea explica ao Goberno que “estos feitos levaron á Mesa pola Normalización Lingüística a presentar outro Informe con dados reais e actuais perante o Comité de Expertos”. Demándalle ao Executivo de Sánchez que se interese polo Informe remitido polo anterior Goberno e que contraste cos Informes sobre o estado do galego do Consello da Cultura Galega, da RAG ou da Mesa. Que disposición ten este Goberno a cambiar este xeito de proceder e adoptar unha forma de actuar en liña coa realidade socio lingüística galega, sen manipulacións nin edulcuracións? Vai manter unha interlocución coas asociación lingüistas de Galicia?”.

Ademais, noutra iniciativa parlamentar, Fernán Vello traslada ao Executivo a necesidade de adoptar medidas para avanzar no cumprimento do estabelecido na Carta Europea en relación á normalización do galego que vive aínda unha situación de desigualdade flagrante a pesar de ser unha lingua cooficial.

Así, urxe ao Goberno a normalizar o uso do galego nos procedementos xudiciais cando así o demanda unha das partes, tamén nas notificacións e sentenzas, de xeito que se respeten os dereitos lingüísticos dos cidadáns. Pide poder contar coa documentación e a lexislación actualizadas en linguas cooficiais. “Non é posíbel que a plataforma Lexnet teña maior nivel de galego para quen opte por dita alternativa? Vai modificar a lexislación para normalizar o uso do galego na Xustiza?”.

Tamén destaca toda a serie de vulneracións no que atinxe á Administración Xeral do Estado, “empezando por respectar a toponimio oficial de Galicia”. A necesidade de garantir unha atención tanto telefónica como online como presencial en galego cando así o requiera o demandante. “Trátase de cumprir co dereito a ser atendido na mesma lingua, e o dereito a poder presentar a documentación ou facer trámites na lingua propia. Mentras non se corrixan estas anomalías difícilmente se rematará coa situación de diglosia e coa desigualdade do galego”.

Miguel Anxo Fernán Vello lembra que precisamente na xunta que “En Marea mantivo onte coa Ministra de Política Territorial, trasladeille todas estas cuestións en materia lingüística a fin de que o Goberno comece a traballar”.