Novas

En Marea pide ao ministro de Cultura colaboración para unha maior difusión de libros en galego e máis axudas

DSC_0223

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello explica os recortes que está a padecer o sector do libro en galego como a última decisión da Xunta en relación ás feiras internacionais.

Madrid, 16 de febreiro 2018. O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán  Vello, ven de rexistrar iniciativas parlamentares para demandarlle ao Ministro de Educación e Cultura, Íñigo Méndez de Vigo, colaboración e cooperación para unha maior difusión dos libros en lingua galega.

Ademais, pide un incremento das axudas destinadas á edición de libros en linguas cooficiais. Nese sentido, pide dados concretos ao Ministro para que debulle as axudas concedidas á producción de libros en lingua galega en 2016 e 2017.

“A cando ascenden as axudas destinadas á producción de libros en castelá? Canto se destinou á producción de libros en idioma galego?”.

Política monolingüe

Fernán Vello explica ao Ministro o acontecido a finais de decembro cando a Xunta emitía unha resolución segundo a cal suspendía o Expediente de Contratación adicado á organización de actos nas feiras do libro internacionais de Bolonia, Frankfurt, Guadalajara en México e Barcelona.

“Unha decisión que provocou un grande malestar entre os editores e editoras de Galiza que están movilizados para evitar outro mecanismo de castración da cultura editorial en galego”, apunta Fernán Vello que advirte da preocupación existente entre os escritores e as escritoras que observan unha total indiferencia cara a diversidade lingüística e unha falla de compromiso por parte das Administracións.

O portavoz de En Marea dirixiuse en numerosas ocasións ao Ministro de Cultura para pedirlle non so o cumprimento do Convenio Europeo de Linguas Minorizadas senóno tamén “un cambio de rumbo da súa política lingüística nun estado plurinacional e plurilinguístico no que se bota en falla unha maior promoción das linguas cooficiais do estado”. Fernán Vello critica a política monolinguista do Executivo Rajoy “motivada por razóns políticas”.

Lembra que o Ministerio de Cultura convoca anualmente axudas á producio´n de libros en lingua castelá ou en linguas cooficiais, mais somos “conscientes dos poucos recursos que recibe a edición de libros en galego”.

“Que apoio está a realizar o Ministerio para a incentivación da edición de libros en galego?”.