Novas

En Marea pide explicacións a Fomento sobre o presunto caso de corrupción no tramo de AVE Ourense-Amoeiro

dsc_0224

Alexandra Fernández denuncia “as prácticas corruptas en obra pública a costa de esquilmar o erario público para engordar as arcas de empresas constructoras”

Madrid, 27 de febreiro de 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, dirixe unha batería de preguntas ao Ministro de Fomento relacionadas coa presunta rede de sobornos a cargos de ADIF na última década, e na que aparece tamén o tramo de tren Ourense-Amoeiro.

Sinala a deputada de En Marea que “nun informe da Garda Civil trascendeu que os sobornos puideron ser utilizados pola empresa Isolux-Corsan para que se modificase o prezo do proxecto do tramo de AVE Ourense-Amoeiro. Segundo informacións, a empresa constructora puido ter pagado unha viaxe á Supercopa de Europa en Niza a un alto cargo de ADIF que dirixía as obras. Incluso está en cuestión a calidade do formigón empregado neste tramo”. Engade que a empresa “era coñecedora de que o formigón que utilizaba non tiña a resistencia necesaria para o encofrado”.

A portavoz de Fomento de En Marea sinala que “deste xeito Corsán tería tratado de lograr unha variación do proxecto duns 125 millóns. A cambio, Corsán tería custeado unha viaxe ao director de obras do AVE en Ourense e acompañante a Niza”.

Investigación e adopción de medidas firmes

Denuncia Fernández que “a cambio de carísimos agasallos, altos funcionarios certificaban os traballos de empresas concesionarias que non executaron en diversas partes do estado, ou empregando materiarias de ínfima calidade”. A parlamentar enfatiza que se trata “de prácticas corruptas en obra pública e a costa de esquilmar o erario público para engordar as arcas de empresas constructoras privadas. Resúltanos chamativo que esto tivese lugar durante anos sen que derivase en sospeitas”.

Alexandra Fernández pregunta a Fomento se abriu unha investigación en relación á presunta rede de sobornos en obras do AVE e se o Ministro vai depurar as responsabilidades a que houber lugar. “Vai o Ministerio a adoptar medidas en relación ás empresas que puidesen estar implicadas?”. Asemade, realiza unha serie de cuestións relacionadas co caso concreto de Ourense-Amoeiro e quer saber se comprobou a calidade do material utilizado por Corsán nas obras. “É de inferior categoría ao declarado? De ser así, que vai facer? Vai exixir á empresa que o modifique?”.

Fernández pide ao Ministro que se informe das conclusións da investigación e se adopten medidas contundentes.

Download (PDF, 1.32MB)