Novas

En Marea pide a Fomento que non peche o servizo de venda de atención ao viaxeiro en varias estacións de Galicia

dsc_0224

Alexandra Fernández advirte das consecuencias sobre os usuarios da eliminación destes servizos nas estacións de Guillarei, Redondela, O Carballiño, Sarria, O Barco, A  Rúa e Ribadavia

INICIATIVA: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/PREGUNTA_PECHE_SERVIZO_VENDA_BILLETES_ESTACIÓNS_TREN.pdf

Madrid, 30 de decembro de 2016. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou unha iniciativa parlamentar no Congreso na que solicita a Fomento que dea marcha atrás na intención de pechar o servizo de venda de billetes e atención ao viaxeiro en estacións de tren galegas.

A parlamentar de En Marea faise eco da denuncia de sindicatos ferroviarios da intención de Renfe-Viaxeiros e Adif de proceder ao peche do servizo de venda de billetes e atención ao viaxeiro en sete estacións galegas, a maior parte na provincia de Ourense. Explican que Adif estaría aberto a negociar con Renfe como traspasar a venda de billetes nas estacións de todo o estado que agora fai personal de Adif para que a partir de 2017, sexan xestionados por Renfe.

“Pero o problema está en que nin Renfe nin Adif están a ter en conta que hai estacións nas que ese traballo o realiza personal de Circulación. É decir, nalgunhas estacións compatibilízanse os traballos de venda e os de atención cos de xestión das circulacións ferroviarias, como sucede  en  Guillarei, Redondela, O Carballiño, Sarria, O Barco, A  Rúa e Ribadavia”, afirma Alexandra Fernández, que engade que se trata de apeadeiros onde os traballadores adscritos a esta estación fan labores de xestión de tráfico ferroviario e venda de billetes.

“Son recortes ferroviarios”
A deputada de En Marea pon de manifesto que son estacións onde se produce un significativo tránsito de viaxeiros. “Nuns casos aténdese á poboación de comarcas do sur de Pontevedra (Tui, Tomiño, Gondomar, Ponteareas), de comarcas ourensás como Valdeorras, Carballiño e destacados lugares de interés turístico por concentrar a moitos peregrinos como en Sarria.

Alexandra Fernández advirte que “o peche destes servizos en sete estacións galegas terá consecuencias directas sobre os usuarios de tren que verán mermada a calidade do servizo. Son ao fin e ao cabo, recortes ferroviarios”. E o pior “é que poidamos estar na porta de entrada do desmantelamento de servizos ferroviarios. Non é a primeira vez que Renfe elimina o personal de estacións de tren como paso intermedio para nun futuro proceder ao peche completo da estación. Temos experiencia da existencia de estacións pantasma”.