Novas

En Marea pregunta ao Goberno se conta cun plan axeitado de actuación no caso de que se produza outro sinistro como o do ‘Prestige’

prestige1

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou unha batería de preguntas nas que lembra os recortes de medios e persoal en Sasemar nestes últimos anos.

Iniciativa: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/07336974-4de8-40a9-b0f7-c1fea37a6c75/55432_PREGUNTA_SEGURIDADE_MARÍTIMA_1_.pdf

Madrid, 15 de novembro 2017. A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, preguntou ao Goberno nunha iniciativa parlamentar rexistrada no Congreso se o Executivo conta cun Plan concreto e axeitado de actuación no caso de que voltase acontecer un sinistro marítimos das características do “Prestige”.

Nos días nos que se cumpren 15 anos da catástrofe, En Marea destaca o risco do Corredor de Fisterra polo que pasan miles de buques con mercadorías perigosas.

“As estatísticas do ano no que se afundiou o ‘Prestige’ indican que no 2002 circularon por este Corredor, 12.446 barcos que transportan hidrocarburos, gas, sustancias tóxicas, entre outras. Actualmente navegan polo Corredor de Fisterra máis buques con mercadorías perigosas debido ao incremento do transporte marítimo. A demanda mundial de transporte marítimo medrou no 2008 nun 4,3%”.

A deputada de En Marea destaca que “é evidente que a costa galega está sometida a un risco potencial”.

“Cúmprense 15 anos dunha das maiores catástrofes medioambientais en Europa, un desastre medioambiental, social e económico, que tamén foi un desastre político pola nefasta xestión política da crise na que máis unha vez unha sociedade tívose que enfrontar soa, coas súas propias máns, ao chapapote”, enfatiza.

Ante esta situación En Marea formula unha serie de preguntas a Fomento para coñecer cantos buques con mercadorías perigosas pasaron por este ano 2017 polo Corredor Fisterrá, para saber se houbo algunha continxencia con algún deles, e para coñecer cal é a dotación de medios materiais e de personal de Sasemar dados os recortes practicados nos últimos anos neste eido.

“Non sería preciso un modelo más descentralizado?”

“Coida o Goberno que está suficientemente preparado no caso de que a costa galega sofra outro sinistro marítimo como o “Prestige”?, pregunta a Fomento, Ministerio que detenta “as competencias exclusivas en materia de seguridade e salvamento marítimo a pesar de que na marea negra de 2002 unha das grandes críticas foi a pésima xestión política do Goberno central.

O Prestige evidenciou a necesidade dunha xestión máis eficaz e áxil. “Galicia ten unhas especificidades propias na súa costa e precisaríase un modelo máis adaptado ás nosas características. Que disposición ten o Goberno a abordar unha descentralización das competencias en seguridade marítima?”.

A deputada de En Marea pide unha protección especial, o reforzo de medios e un Plan adaptado á costa galega dado o perigo que supón o paso de miles de buques con sustancias perigosas polo Corredor Fisterrá e saber si se cumpre a normativa comunitaria para que se delimiten portos refuxio.