Novas

En Marea presenta numerosas emendas aos Orzamentos do Estado para aumentar as partidas destinadas a Ourense

28128523470_325f159c2a_b

Madrid, 5 de maio de 2017. En Marea vén de rexistrar no Congreso ao redor de 300 emendas parciais ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, 183 delas destinadas a incrementar as partidas orzamentarias destinadas a Galiza. Unha parte importante das propostas de mellora oriéntanse a paliar a a falla de investimentos para proxectos clave da provincia de Ourense.

As emendas presentadas para a provincia de Ourense teñen como obxectivo aumentar as partidas para demandas esquecidas nos Orzamentos do Goberno.

No concello de Ourense, solicítanse 9 millóns de euros para a Estación intermodal e un total de 2,1 millóns para o Museo Arqueolóxico de Ourense.

A mellora do transporte ferroviario é outro dos temas relevantes das emendas aos Orzamentos Xerais. Para a variante de Ourense (LAV Galicia) consígnase 3 millóns de euros.

Entre outras, destacan as relativas ás estradas, que se enfocan en gran medida na mellora da seguridade vial: proponse destinar 3,2 millóns de euros á adecuación e mellora da N-120 no tramo entre Enlace de Penalba e Ourense, e 900.00 millóns de euros a actuacións de humanización da N-120 ao paso por Ribadavia. Outra das medidas plantexa instalar barreiras protectoras no viaducto da A-52 en Ribadavia, para o que se consigan 450.000 euros.

En relación á construción da A-76, apostamos en primeira instancia pola mellora da estrada nacional e que se busquen solucións alternativas, porque a proposta do Goberno coa A-76 non é unha solución, senón unha hipoteca para a comarca a medio prazo e un enorme impacto ambiental, que influiría directamente na Ribeira Sacra. En Marea aposta polas infraestruturas viarias desde a racionalidade e non por duplicalas, poñendo en perigo o noso entorno.

Edificación y patrimonio

Entre as emendas relativas á edificación e patrimonio, destaca a demanda de reforma integral do edificio da Casa Sindical de Ribadavia cunha partida orzamentaria de 1,25 millóns. Por outro lado, solicítase unha consignación de 2,2 millóns de euros para a rehabilitación das antigas vivendas de ferroviarios para a súa utilización como vivenda social.

Para a conservación do medio natural, demándase unha cantidade de 200.000 euros para desenvolver un plan de eliminación de especies invasoras (Acacia Dealbata) na comarca do Ribeiro en aras da recuperación do bosque autóctono e dos usos agrícolas.