Novas

En Marea presenta unha lei histórica para unha nova organización do tempo no traballo compatible cos coidados

photo5985547732187721741

Madrid, 6 de novembro de 2018. En Marea e o Grupo Confederal de Unidos Podemos  presentaron este martes en Madrid a Proposición de Lei de tempo de traballo corresponsable, un texto para reconstruír desde o inicio a formulación das xornadas laborais, que facilite que as persoas, e as mulleres en particular, poidan traballar sen verse obrigadas a renunciar á súa vida privada e persoal.

Na presentación participou a deputada e coordinadora dos traballos da elaboración desta lei, Yolanda Díaz; o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias; a portavoz adxunta de Unidos Podemos no Congreso, Ione Belarra;  a Catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Valencia, Amparo Ballester, e o Catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza.

Díaz destacou na presentación, que este texto chega para mudar o paradigma porque “estamos ante un novo tempo no traballo”. “Ata agora, o tempo laboral lexislouse cunha mirada masculinizada, probablemente para un mundo industrial e para unha realidade do século XX”.

“Falar do tempo é falar de vida. O tempo laboral lexislouse cun perfil masculino e desapareceu o dereito á vida. Con esta Lei  introducimos un enfoque feminista”, explicou a deputada, a precariedade laboral e os contratos parciais seguen afectando principalmente ás mulleres.

“Queremos racionalizar as xornadas laborais e garantir por lei a adaptación dos horarios, para poder desfrutar da vida e cambiar a organización dos tempos de traballo”, reivindicou a deputada.

Esta lei suscita un modelo laboral que pon sobre a mesa que “para ser felices e poder traballar con dignidade e con dereitos fai falta outro concepto de flexibilidade” e “isto non vai en contra da prosperidade económica”.

O catedrático Jaime Cabeza insistiu en qe “hai que cambiar a perspectiva”. “O tempo de traballo non pode ser tan predominante porque o tempo da vida inúndanos demasiadas veces. Esta lei pretende un tempo corresponsable no que voltemos ser antes pais, nais, amigos, amigas, que traballadores. Esta é unha lei de medidas pequenas e fáciles de alcanzar, esta é a gran oportunidade da lei”.

Finalmente, a catedrática Amparo Ballester explicou que “queremos dereito á presenza” e para iso “é o traballo o que debe acomodarse á vida das persoas e non ao revés”. “Hai outra forma de ver as cousas e iso lese nesta lei. Ter o control do tempo é algo máis que recuperar o dereito ao lecer, é ter dereito á dignidade, á promoción e a formación profesional, son os cimentos da propia democracia”.

 

Download (PDF, 4.27MB)