Novas

En Marea solicita no Congreso a reforma da Lei da Seguridade Social

photo5956462497127049309

En Marea rexistrou varias iniciativas para solicitar a modificación das condicións de acceso á xubilación parcial e o restablecemento do subsidio por desemprego aos 52 anos.

A Coruña, 24 de marzo de 2017. Os deputados de En Marea, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, presentaron hoxe en A Coruña as iniciativas rexistradas no Congreso dos Deputados para solicitar a reforma parcial da Lei Xeral da Seguridade Social (RDL 8/2015), concretamente a modificación das condicións para acceder á xubilación parcial e a restauración do subsidio por desemprego aos 52 anos, nas condicións establecidas con anterioridade ás reformas lexislativas aprobadas a partir do ano 2011.

“Coa normativa actual é case imposíbel acceder á xubilación parcial. Non ten sentido que xente con cotizacións de mais de 30 anos non poidan sair do mercado laboral para dar paso á xente nova ao mesmo”, asegurou Díaz na rolda de prensa.

Co obxecto de recuperar o sentido inicial da regulación da xubilación parcial, aprobada para garantir o relevo xeracional nas empresas, rexuvenecer plantillas e xerar novas contratacións “consideramos necesario volver á regulación anterior e, sobre todo, modificar, con urxencia, a actual no que a xubilación parcial se refire”, apuntou o deputado e portavoz de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino.

En Marea criticou que as modificacións lexislativas introducidas “empeoraron tanto as condicións de acceso a este dereito, que na práctica provocaron a súa desaparición, e pasou de ser unha medida de fomento do emprego a ser unha vía de aforro do sistema”.

Estas reformas lexislativas, que incluían numerosos recortes nos dereitos da cidadanía do noso país, afectaban con especial virulencia a aqueles colectivos de desempregados con maiores dificultades para atopar un posto de traballo, coa supresión do subsidio para maiores de 45 anos ou a elevación a 55 anos do subsidio que ata agora era para maiores de 52 anos ata causar dereito á pensión de xubilación.

No debemos esquecer que este subsidio buscaba, e supostamente aínda busca, cubrir unha situación de desemprego, unha vez esgotada a prestación contributiva, de personas que contan cunha idade que dificulta severamente a inserción no mercado laboral e polo tanto onde a situación de necesidade de cobertura se pon de manifesto sen ningunha dúbida.

É difícil de entender este afán do Goberno do Partido Popular en devaluar un subsidio que deberíamos considerar unha das columnas fundamentais nas que se soporta o nivel asistencial de protección por desemprego.

É por iso que En Marea tamén solicita no Congreso dos Deputados que, de xeito urxente, se restableza o subsidio para maiores de 52 anos nas condicións previas ás reformas normativas de 2012 e 2013, en particular, no relativo ao requisito de renda, computando únicamente os ingresos da persoa beneficiaria, sen tomar en consideración os da unidade familiar, no relativo á duración do subsidio, extendendo a súa duración ata que o beneficiario atope un novo posto de traballo ou ata o cumprimento da idade de acceso ordinaria á xubilación, salvo que optara por acceder a unha idade inferior e finalmente no relativo á cotización á Seguridade Social, fixándoa no 125% da base mínima.

Na rolda de prensa, a deputada Díaz concluiu denunciando que as continuas reformas laborais aprobadas, primeiro polo PSOE e despois refrendadas e endurecidas polo PP, “supoñen o maior recorte aos dereitos dos traballadores desde a transición democrática”, polo que “esiximos a súa derogación, así como a configuración dun novo Estatuto dos Traballadores”, e centrar as políticas económicas en crear empregos de calidade que reduzan a temporalidade e a precariedade das persoas traballadoras.

“Se o argumento para recortar era a crise, hoxe o PP tería que retornar á normativa anterior xa que segundo os datos estamos a crecer por riba do 3%”, insistiu a deputada.