Novas

En Marea trasladará nunha xuntanza á ministra de Industria a súa preocupación polo futuro de Alcoa

photo6028551053584214089

Madrid, 16 de outubro de 2018. Os deputados de En Marea, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, trasladarán este mércores nunha xuntanza á ministra de Industria,  Reyes Maroto, a grave situación dos traballadores e traballadoras de Alcoa despois de que a compañía convocase para mañá aos comités nas plantas de A Coruña, San Cibrao (Lugo) e Avilés (Asturies).

Os traballadores, que acudirán á xuntanza sen orde do día, sospeitan que a compañía quere anunciar recortes ou incluso o peche dalgunha planta, algo que En Marea trasladará de xeito urxente á ministra para tratar de paralo.

Yolanda Díaz amosou hoxe a súa preocupación despois do anuncio desta xuntanza “con tanto secretismo” que foi convocada para mañá nas tres plantas da empresa. Neste senso son numerosas as iniciativas que En Marea presentou no Congreso para pedir un maior apoio do Goberno á industria electrointensiva, cun modelo diferente de subastas.

Outro dos eixos fundamentais da xuntanza coa ministra será coñecer as previsións do Goberno para a finalización da negociación do tan ansiado Plan Estratéxico de Navantia.

Os deputados de En Marea amosan a súa preocupación polo retraso na aprobación deste plan vital para o futuro dos estaleiros públicos, con 5 centros productivos e miles de traballadores no noso país, tanto directos como indirectos, que é ademais un sector público que xera valor engadido ao noso país.

“É fundamental un investimento en infraestruturas e equipamientos tecnolóxicos para posibilitar unha maior competitividade en mercados internacionais, así como un plan comercial a longo prazo, que cree expectativas de futuro para o sector naval”, sinalan.

Outro dos temas que preocupan a En Marea é o futuro da planta que a empresa Vestas ten en Viveiro, sobre todo despois do peche da planta de León.

Na factoría de Viveiro traballan neste momento 210 operarios, e todo apunta que poderían correr a mesma sorte que os compañeiros de León, xa que nela prodúcense gran parte dos xeradores eólicos destinado á factoría leonesa.

Díaz sinalou que o Goberno debe interceder nesta situación antes de que se faga irreversible, xa que os traballadores e traballadoras están con “incerteza” ante a ausencia de información sobre o futuro da empresa.