Novas

En resposta a En Marea, Fomento non concreta prazos para a Variante de Ourense

photo_2017-04-27_09-56-51

Alexandra Fernández formulaba unha serie de preguntas ao Ministerio sobre o estado actual dos distintos tramos en construción do tren de altas prestacións a Ourense e quería saber se se seguía adiante coa Variante

Madrid, 28 de xullo 2017. O Ministerio de Fomento ven de respostar á deputada de En Marea, Alexandra Fernández, que “está a traballar para que o fin dos traballos necesarios para a chegada do AVE a Galiza e inicio de circulacións en probas estean concluidos no terceiro trimestre de 2019”.

É dicer, no mellor dos casos, “e cumprindo o Ministerio os prazos dos que fala, a conexión de tren de altas prestacións até Ourense, non estaría rematada até o 2020, porque no 2019 débense realizar as circulacións de probas como ben recoñece o Ministerio”. Salienta a deputada de En Marea o feito de que Fomento “fale sempre de datas para o inicio das probas, pero en ningún momento se compromete a sinalar datas de posta en marcha da conexión”. A deputada de En Marea deixa claro que “non é o AVE a nosa opción ferroviaria de primeira orde, posto que a nosa prioridade son os trens de cercanías para dar resposta ás necesidades diarias nos desprazamentos da poboación, mais entendemos que o proxecto de altas prestacións a Ourense está moi avanzado e debe rematarse coas máximas garantías de seguranza e conforme ao proxecto estabelecido, coa Variante de Ourense para que un tren rápido non pase polo centro da cidade, por trazado urbano”.

O estado dos tramos pendentes segundo o Ministerio

Alexandra Fernández dirixíase a Fomento para formularlle unha serie de preguntas en relación ao estado actual das obras construtivas dos distintos tramos do denominado AVE a Ourense. Nese sentido, o Ministerio indícalle que entre Zamora e Pedralba “están rematadas ou en execución as obras de todos os tramos de plataforma. En execución as que atinxen á vía, enerxía, instalacións de seguranza e comunicación”. E sinala que o remate das obras para as probas serían no terceiro trimestre de 2018.
En canto ao tramo Pedralba e Taboadela, indica que están en execución todos os tramos da plataforma. E que “o remate das obras para o inicio de circulacións en probas está previsto para o terceiro trimestre de 2019”.

A Variante, proxecto pendente e sen horizonte temporal

A deputada de En Marea preguntaba en concreto pola Variante de Ourense porque “estamos habituados a que determinadas solucións provisionais acaben convertíndose en definitivas a medida que pasa o tempo”, en alusión á decisión do Ministerio de porpoñer a Variante e optar por unha “solución provisional” entre Taboadela e a cidade de Ourense”.

O Ministerio resposta a Fernández que “durante o 2017 está previsto o remate da redación dos proxectos construtivos dos tramos de plataforma da nova variante”. E mentras, “adaptará o Corredor actual desde Taboadela para a chegada da alta velocidade a Ourense”. Eso si, Fomento non concreta prazos nin horizontes temporais.

E engade na súa respota a En Marea que “adecuaráse a infraestrutura para permitir tamén o paso de trens con ancho estándar, electrificándose o tramo”.
Alexandra Fernández tamén se preocupaba polo estado da Estación Intermodal. Fomento sinaloulle que “está a traballar nun novo proxecto que resolva as necesidades estritamente ferroviarias da estación”. Eso si, indica que este novo proxecto deberá ser sometido a estudo informativo e unha avaliación de impacto ambiental.

Finalmente, enfatiza o Ministerio que entre Xunta, Ministerio e o concello acordaron a tramitación urbanística conxunta da estación intermodal co obxectivo de licitar a primeira fase das obras este mesmo ano e comezar no 2018.