Novas

O Goberno do Estado desenténdese da Muralla de Ferrol

Ante a pregunta da deputada de En Marea Yolanda Díaz sobre os problemas de acondicionamento da Muralla e o seu posible derrube, o Ministerio de Defensa contesta que dito monumento “se revisa de forma periódica para coñecer o seu estado de conservación”

Madrid, 8 de agosto de 2018. A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, dirixíase en xuño pasado, a través dunha iniciativa parlamentar, ao Ministerio de Defensa para poñer varias cuestións sobre a mesa no relativo ao estado de conservación da Muralla militar de Ferrol e o seu posible derrubamento ou sustitución por un peche diáfano que permita a visión do interior do asteleiro, tal e como se fixo noutros tamos da construción.

Na resposta recibida o pasado 30 de xullo, o Goberno limítase a recordar que a devandita Muralla está considerada como un Ben de Interés Cultural (BIC) e que, polo tanto, “calqueira actuación sobre dita instalación debe contar cos informes pertinentes en materia de protección de bens culturais”.

A deputada denuncia tamén no escrito ao Goberno o mal estado de conservación de dita Muralla nalgún dos seus tramos. Avalada por informes do Colexio Oficial de Arquitectos de Ferrol, Díaz avisa do perigo de derrube co conseguinte prexuízo para os cidadáns, e apremia ao Ministerio a actuar fronte a esta situación.

De novo o Goberno central responde con contidos baleiros, asegurando que a muralla “revísase de forma periódica” para coñecer o seu estado e levar a cabo “intervencións de mantemento necesarias ante cualqueira posible indicio de grietas ou roturas”.

De novo o Ministerio de Defensa, que ten a obriga de manter en condicións axeitadas esta Muralla, dálle as costas aos intereses da cidadanía ferrolán. Desde En Marea emprazamos directamente á ministra Margarita Robles para que se tome en serio as obrigas do seu Ministerio con esta cidade e os seus habitantes.