Novas

En Marea envía unha carta a Rajoy e Tejerina para transmitir a preocupación polas negociacións sobre o acordo de pesca con Marrocos

1389943800_138994_1389943800_noticia_normal

 

Madrid, 13 de abril de 2018. A senadora Vanessa Angustia e o deputado de En Marea, Antón Gómez-Reino, xunto coa deputada Eva García Sampere, dirixiron unha carta ao Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e á Ministra de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, para expresar a súa “profunda preocupación” polo proceso de negociación que actualmente leva a cabo a Unión Europea para renovar o seu acordo pesqueiro con Marrocos.

A xuízo destes parlamentarios, este proceso pon en risco a seguridade da flota pesqueira do Estado español que faena en augas africanas e viola o dereito do pobo saharaui á soberanía sobre os seus recursos naturais.

Na carta, os parlamentarios alertan sobre a violación do Dereito Internacional, que ampara a autodeterminación do pobo saharaui, e sobre o incumprimento da recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que prohibiu a aplicación deste acordo pesqueiro ao Sahara e as súas augas adxacentes.

Na misiva sosteñen que calquer solución a este conflito debe pasar polo respeto aos Dereitos Humanos e o diálogo coas lexítimas autoridades da República Árabe Saharaui Democrática (RASD).

Ademais, instan ao Goberno a  “desempeñar un papel protagonista nas negociacións deste conflicto co obxectivo de protexer a seguridade da flota pesqueira española, garantir o cumprimento das sentencias do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e respetar os Dereitos Humanos do Sáhara Occidental e a soberanía dos seus recursos”.

 

 

Download (PDF, 666KB)

Download (PDF, 675KB)