Novas

En Marea pide no Congreso o incremento dos coeficientes redutores das traballadoras do marisqueo en Galicia

photo6046252168589192502

Madrid, 30 de novembro de 2018. A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, rexistrou varias iniciativas para pedir o incremento dos coeficientes redutores das persoas que traballan no sector do marisqueo en Galicia, así como o recoñecemento das súas enfermidades profesionais.

“Dadas as duras condicións de traballo das persoas que se adican ao marisqueo en Galicia, contempla o Goberno unha modificación normativa para incrementar os coeficientes redutores a aplicar na idade de xubilación? En caso afirmativo, cal é a porcentaxe que ten previsto aplicar o Goberno? Cando ten previsto iniciar os trámites desta reforma normativa?”, pregunta a deputada.

 

Ademais, En Marea rexistrou unha PNL para levar a pleno e Comisión para conseguir apoio parlamentario e instar ao Goberno a iniciar os trámites oportunos para modificar o artigo 1 do Real Decreto 1311/2007, de 5 de outubro, polo que se establecen novos criterios para determinar a pensión de xubilación do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, para incrementar ao 0,30% o coeficiente reductor na idade de xubilación aplicable aos colectivos de mariscadores, percebeiros e recolledores de algas.

Ademais, En Marea quere que se recoñeza e regulen como enfermidades profesionais aquelas lesións e enfermidades causadas polo desenvolvemento da actividade do marisqueo.

Outras das cuestión solicitadas é que se aprobe, en coordinación e cooperación coa Xunta de Galicia, programas de formación en materia de seguridade e específicos para as persoas traballadoras do sector do marisqueo en Galicia.