Novas

En Marea propón ao Goberno que leve a un consello de ministras a declaración de Viveiro como zona gravemente afectada por unha emerxencia

photo5895298121267784588

Fernán Vello demanda ao Executivo de Sánchez que habilite canto antes as axudas contempladas no artigo 24 da Lei 17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Proteción Civil.

Madrid, 29 de novembro de 2018. O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha proposición non de lei para proporlle ao Goberno Sánchez que leve a un Consello de Ministros/as a declaración de Viveiro como zona afectada gravemente por unha emerxencia de proteción civil debido ás fortes riadas do 18-19 de novembro.
A tal obxecto, Fernán Vello urxe ao Executivo a aprobar as medidas contempladas no artigo 24 da Lei 17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Proteción Civil que comprende axudas económicas a particulares, medidas fiscais de exención tributaria e medidas laborais e de Seguridade Social.
Responsabilidade da Xunta: nunca atendeu as demandas para limpar o río

O deputado de En Marea lembra as violentas riadas que sufriu Viveiro e outras localidades de A Mariña na noite do 18 ao 19 de novembro.

“Ademais de provocar a morte dunha muller, as fortes riadas deixaron unha pegada de enorme destrución, perdas, locais e comercios destrozados e un pobo impactado por un desastre que nunca viviu antes, especialmente o bairro próximo ao río Xunqueira, así como outras zonas de áreas urbanas de Viveiro e Covas, ou A Carreira en Magazos”.

Fernán Vello urxe a colaborar nas labores de recuperación. Os danos son cuantiosos, a falta dun balanzo exacto, pero hai moitos inmóbeis municipais afectados, viais, casas, rúas peonís, once pontes, mobiliario urbano, alumbrado, redes e canalizacións de auga, vehículos. Denuncia o deputado de En Marea que o río Xunqueira “desbordouse debido á indiferencia da Xunta, Augas de Galiza, que non atendeu nunca as demandas da veciñanza de proceder a unha limpeza e rexeneración do río. A Xunta mirou para oturo lado, algo que non dicimos nos, maniféstao a veciñanza e unha concelleira do PP que dimitiu indignada pola irresponsabilidade da Xunta”.

Segundo pasan os días, “son medran as voces que consideran que de terse efectuado a rexeneración da canle fluvial, a catástrofe non tería tido as mesmas dimensións. O dique que se formou no río debido á acumulación de árbores, troncos, restos vexetais levou a unha violenta riada”.

Fernán Vello censura que a Xunta “eluda as súas responsabilidades e negue a evidencia. “Non atendeu as denuncias de veciños e veciñas, non lles fixo ningún caso, e agora bota toda a culpa ao tempo. As choivas foron fortes, sen lugar a dúbidas, pero o río ía cargado de desfeitos e iso empiorou a situación”.

 

Download (PDF, 154KB)