Novas

En Marea sae a gañar o 28 de abril cos deberes feitos

photo5996906657965256245

Audio: https://bit.ly/2SDsrbk


A Coruña, 15 de febreiro de 2019
. A voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, fixo unha valoración este venres da data anunciada por Pedro Sánchez para as vindeiras eleccións xerais, que se celebrarán o 28 de abril, avanzando que “saímos a gañar cos deberes feitos”.

“En Marea sae a gañar, temos un traballo forte e consolidado no Congreso, mesmo recoñecido polo premio como o grupo máis activo da Cámara. Estivemos con moitos colectivos como os traballadores de Navantia, da cultura, do agro, da pesca, de Endesa, de Alcoa, colectivos feministas, as mulleres das conservas… todos tiveron a nosa defensa e voz no Congreso”, afirmou Díaz, que sinalou que este grupo está con “ilusión e forza” ante “un momento histórico para frear a barbarie e a Vox”.

“Estamos por coñecer o peor do século XX, están vulnerando os dereitos socias, temos a obriga de derrotar a dereita”, asegurou a deputada.

Díaz insistiu en que, en canto á data, “non hai novidades”. “Dixemos que se non había orzamentos era difícil manter a maioría da moción de censura. Esta data era esperada”.

Polo contrario, mostrou “certa decepción” porque o presidente do Goberno no último intre “tirou a toalla e non facilitou o diálogo con Catalunya, que é un problema que continuará”, asegurou Díaz, insistindo que Catalunya “merece diálogo e solucións políticas”.

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello asegurou que Sánchez “tiña que cumprir coa maioría da moción” e “cometeu un erro ao levantarse da mesa de diálogo coas forzas catalanas”.

“Sucumbiu á presión da extrema dereita. Sentarse a negociar non é ningún crime, o diálogo construtivo é fundamental”, insistiu o deputado.

Ante este novo escenario, Fernán Vello sinalou que “fronte á extrema dereita hai que ter firmeza” e “hai que estar á altura da situación”.

ORZAMENTOS

Os deputados destacaron que En Marea no Congreso “sempre confirmou que estaría disposta a aceptar o trámite dos orzamentos, que foi o votado este mércores no pleno, pero que votaría en contra dos orzamentos na votación final de marzo se non se cumpría coa negociación que estaba en marcha e coas 300 emendas rexistradas. Non ten sentido votar en contra, cando se está negociando e se poden conseguir altas partidas para Galicia”.

“Tiñamos previsto unha xuntanza co Goberno para este xoves. Hoxe remataba o prazo para as emendas, o debate seguiría en comisión e despois iría a pleno onde podería votarse en marzo. Todo isto viuse cercenado no debate á totalidade que se plantexou como unha censura ao Goberno de Sánchez”.

Fernán Vello insistiu en que En Marea fixo “un gran traballo na defensa de Galicia” e que “estamos coa ilusión renovada”.